
O tempo. Iso é do que estamos feitos, iso é o que determina o que somos e o que facemos. Máis que o tempo, o tempo finito, é dicir, a mortalidade. A consciencia da morte fastídiao todo: obríganos a preocuparnos polo proveito da vida, a apurarnos por conseguir o que queremos, a confundir o concepto de “o que queremos”. Obríganos a ir á escola cando somos nenos, buscar mozo cando somos novos, traballar toda a vida, buscar unha casa, buscar tempo libre, obríganos a ser felices canto antes. Pero se fosemos inmortais, só fariamos as cousas que valen a pena, as que nos gustan e as que sabemos facer, os cartos deixarían de ter sentido e volveriamos ao trueque, os traballos serían oficios, coidariamos o planeta pola conta que nos traería, non sentiríamos lástima polo pasado incivilizado nin pena polos maiores, non habería hipotecas, nin présas por viaxar ou por querer. Non habería guerras nin cumbres. Sería todo como o deporte ou a arte, pero sen ligas nin federacións nin museos ou discográficas. Por iso cando me chega o medo, cando dubido sobre a convenencia dalgo, pregúntome: faría ou pensaría isto se fose inmortal? porque estou case convencida de que as cousas boas de verdade son aquelas que faría aínda non tendo que morrer. O resto é palla.
E por iso os elfos son tan boa xente.
Pero o caso é que nós somos caducos e hai que vivir con iso. Ese é o gran reto: asumir o ciclo da vida e ao mesmo tempo ser capaces de ver máis alá dos nosos límites. Para min non é fácil, sobre todo o primeiro. Ojalá non tivese que morrer. Ojalá os días durasen 30 horas.
Se cadra acabo montando esa manifestación contra a morte.
Deixa unha resposta