Ben, aquí vai un exercicio de memoria e supoño que nostalxia tamén. Quen era o voso compañeiro de clase na escola, ou no instituto, na universidade ou se preferides, no curso de papiroflexia? Refírome ao compañeiro de mesa, que normalmente lle tocaba a un pola orde alfabética do apelido. Eu recordo a Alberto Meijide, íamos xuntos en varias clases no instituto. Era interno. No meu instituto, a Laboral, hai moitos alumnos que ademáis de estudar viven alí, no internado. Na miña época só había internos homes, e case todos viñan da parte da Costa da Morte. Este Alberto Meijide era de Vimianzo, se non recordo mal. Rubio, colorado… e non falaba moito, polo menos comigo. A verdade é que non podo contar moito máis del, creo que o intimidabamos as miñas amigas e eu, porque cos outros internos (os da miña clase eran de Quilmas, en Carnota) si que falaba.
Os internos eran unha raza aparte. A maioría estudaba FP, había clases nas que o 90% dos alumnos era internos, e dos bravos bravos. Como foras tía e te cruzaras con eles polos pasillos… había que ser valente. E é que na Laboral eran os rapaces, e non os profesores, os que se cambiaban de aula entre cada clase. E como o instituto está feito en plan barracóns, ao aire libre, e iso sumado á idade do pavo e á nostalxia… pois cada cambio era unha festa, ou así o recordo agora.
Por certo, que as Universidades Laborales foron un invento de Franco, fíxoas por toda España, para que a xente aprendera oficios. Estaban construídas seguindo o mesmo patrón, e moitas agora séguense usando como institutos, como a miña Laboral, que por certo ten por nome oficial Crucero Baleares, que era un barco de guerrra franquista que afundiron os republicanos durante a guerra.
Vale, pois agora contade vós.
Deixa unha resposta