
Estes días descubrín dous lugares perfectos para ir de romería, no sentido amplo do palabro (calquera actividade que teña un toque musical con moita xente e ao aire libre). O primeiro foi o parque de Castrelos, en Vigo. Non o coñecía, e que mellor ocasión que o concerto de Leonard Cohen. Facía un día precioso, e botamos a tarde e a noite sentados nas bancadas, que están moi preto do escenario, que son de acceso libre total e ademais teñen sombra. Aínda que acabamos co cú algo durecho (para a próxima levamos coxín), a verdade é que e un sitio flipante para facer concertos, e ademais de gratis!!! Merece un notable alto.

O outro gran romeriódromo que descubrín foi o campo de Guísamo, onte, no festival folk no que, por certo, tocou Gwendal. É todo un souto cheo de árbores, algo tendido de lado a lado e coa mellor herba que recordo para sentar. Brandiña e quente, mmmm. E ademais tamén facía unha noite tremenda, a caña estaba fresquiña, a xente coñecida… mmmm….
Pero ten que haber máis romeriódromos. Ben deles.
Teño entendido que a carballeira de Zas, onde fan o festival todos os anos, tamén é unha pasada, como unha especie de anfiteatro natural. Nunca fun.
E na praza da Quintana, en Santiago, tamén teño ido a algún concerto e estar alí como dios, arriba nas escaleiras ou abaixo, á sombra da Berenguela.
E agora non se me ocorren máis, pero ten que haber, ten que haber…
p.d. a segunda foto, a de guísamo, está ‘prestada‘ de flickr. graciñas vichelocrego!
Deixa unha resposta