Experimentos precine I: Solargrafos

Os solsticios son sempre tempo de solargrafos. Unha foto fixa do sol, durante seis meses. O clima en non-stop-motion.

Non recordo a conto de que, igual foi nalgunha daquelas veas argalleiras dos confinamentos covidianos, empecei a curiosear con isto dos solargrafos.

O último solargrafo completo que fixen, o ano pasado, en Limiñón. Seis meses nunha foto fixa.

Os solargrafos, ou solarigrafos, ou heliofotografías… son fotografías analóxicas de longuísima exposición, 6 meses, nas que se ven os camiños que debuxa o sol cada día polo ceo. O “típico solargrafo” empeza un día de solsticio e remata no seguinte (seis meses despois); así quedan pintados todos os percorridos diarios do sol, de xuño a decembro ou viceversa.

As liñas máis altas, longas e curvas son as dos días de verán; os días van pasando e as liñas van baixando cara ao interior do arco ata os últimos soles/días de decembro, os máis curtos, baixos e planos.

Iso, se a cámara se colocou en xuño. Se a cámara se pon en decembro, as liñas vanse “pintando” ao revés, de abaixo a arriba. E se se deixase un ano enteiro, as liñas do segundo semestre sobrescribirían as do primeiro.

Fonte: solarigrafia.com

Por iso na miña casa os solsticios son sempre tempos de solagrafo, de poñer ou de recoller. Co deste ano xa vou un par de días tarde….

Un solargrafo en Eindhoven (Holanda). Fonte: xyzon.nl

Como se fai un solargrafo?

As pinhole cameras ou cámaras escuras ou estenopeicas coas que se fan os solargrafos son cámaras analóxicas caseiras e sen lente, feitas con latas de refresco ou calquera cilindro, ás que se lles fai un burato pequeniño (1-2 mm) e se lles mete unha folla de papel de revelado dentro, curvándose no interior como un ollo de pez. Este papel é fotosensible, así que hai que intentar non expoñelo á luz e tapar o burato mentres preparamos a cámara, e tamén cando a retiramos.

O propio é colocar a lata nun sitio exterior e amplo (farolas, postes, balcóns, árbores ao abrigo, tellados, canalóns…), orientando o burato ao sur. Unha vez posta e ben amarrada a lata, destápase o burato e déixase aí, sen movela nin tocala, durante seis meses, nos que a luz estará “pintando” o papel sempre, full-time 24/7.

Rematado o semestre, hai que recoller a lata, abrila, retirar o papel, escanealo, editar a imaxe escaneada e aí está. O clima en non-stop-motion.

***

Pois estes son os catro solargrafos completos que levo feito desde 2021 en Chamuín, Limiñón (Abegondo) coa cámara no balcón da casa.

Aínda non conseguín coller o arco completo do sol (é flipante o alto que chega a estar no verán, en comparación co inverno); teño que pinzar a lata cara ao cenit, facer o burato máis arriba e en todo caso probar a poñela noutros puntos máis amplos, con máis horizonte -aproveito para facer un chamado a calquera veciño ou curioso lector que teña unhas boas vistas, mándolle unhas latiñas encantada-.

Para facer as cámaras pinhole e os solargrafos, o único que tiven que conseguir foi o papel de revelado (merqueino aquí). O resto, haino en calquera casa e é cuestión de ir probando e errando: do que levo fozado eu, creo que canto máis estreitas sexan as latas, a imaxe colle máis rango horizontal ou efecto 360. Axuda pintar o interior da lata de negro, para evitar ruído luminario. Para que a imaxe quede enfocada, tamén é importante que o burato quede ben pulidiño polos bordes, tanto por fóra coma por dentro da lata, limpándoo cunha lixa ou nanas.

***

Fixen algún solargrafo máis, poñendo a cámara noutro sitio e só durante algunhas xeiras anticiclónicas, quedaron cousas chulas!

A nogueira de Chamuín, o bar Camionero, e o sol de inverno:
(sospeito que ese resplandor fíxoo a lúa, que foi chea o 17/01/22)

A mesma nogueira e o mesmo sol, uns meses despois:

Desde outro sitio e noutra cor:

Analemas: solargrafos nivel pro

A digievolución do solargrafo sería o analema. O analema é o debuxo con forma de 8 que fai o sol (ou a súa sombra) se se captura a súa posición cada día á mesma hora, durante un ano. Porque o percorrido diario do sol no ceo nunca é o mesmo nun ano, isto xa o tiñamos aprendido empiricamente cos solargrafos.

Isto débese á forma elíptica da órbita da terra (se fose exactamente unha circunferencia, os bucles do oito serían iguais, simétricos), á inclinación do eixe terrestre (se estivese dereito, en vez dun oito o analema só tería un bucle, como un cero), á ecuación do tempo (non todos os días sidéreos -dun mediodía ao seguinte- duran exactamente 24h) e a outras complicacións astronómicas que explican moito mellor os expertos dos enlaces cá min.

O caso é que para capturar un analema hai que fotografiar o sol durante moitos días dun ano, sempre á mesma hora e desde o mesmo lugar exactos, tendo en conta as posicións máis extremas, no verán e no inverno, que terá a estrela na hora e lugar escollidos. Para facer as medicións a mediodía, a cámara ten que apuntar ao sur coa suficiente amplitude para chegar tanto ao punto máis alto do sol de xuño como ao máis baixo de decembro; pero se as fotos se van facer no solpor, hai que apuntar máis ao oeste, contar con que o analema se debuxará máis apaisado ou horizontal no ceo, e asegurarse de escoller unha hora na que aínda haxa luz no inverno (en Galicia, as 18.00 como moi tarde). É habitual que os días dos equinoccios e/ou solsticios a cámara se deixe aberta e “gravando” durante todo ou parte do día, por iso en moitos analemas vense liñas rectas atravesando a figura do 8.

Tamén se poden capturar os analemas á inversa, pola sombra: facendo marcas no chan da sombra que proxecta un obxecto fixo, o gnomón. Para isto hai que buscar a ubicación óptima para o gnomón, sobre superficies planas nas que proxectar a sombra, coa orientación e tamaños axeitados segundo as horas, e usar marcas indelebles, que non se borren ao chover nin caian co aire.

Igual parece sinxelo pero os meus primeiros intentos de capturar analemas tanto cunha cámara escura como no chan foron fallidos. Ademais dos cálculos espacio-temporais, que teño que refinalos, e da disciplina de ir abrir o obturador ou facer as marcas durante moitos días e sempre ás mesmas horas, o maior atranco que estou atopando é precisamente o sol: en Galicia son poucos os días nos que a unha hora concreta o sol está brillando apoteósico, sen unha nube, listo para que o retraten. Supoño que en Albuquerque farán analemas coma churros, pero aquí…

En todo caso, seguireino intentando porque é moi divertido e faime pensar no clima, nos ciclos, na paisaxe, na xeografía…

Memorias e precine

O de facer cámaras de fotos con caixas de zapatos e cousas polo estilo xa o coñecía; meu irmán maior creo que fixera algún experimento deses no cole. Tamén recordaba eu algo da foto analóxica porque xa teño unha idade -regaláronme unha cámara automática, nas que non había que correr o carrete, cando fixen a primeira comunión, no 93- e porque ademais no primeiro ano de carreira en Santiago, aló polo 2000, fixen un curso de fotografía no que aprendimos a revelar no cuarto escuro, e iso non o esquezo. Como molaba ver a imaxe aparecendo no papel, auténtica magia potagia!

Pouco despois diso, nos primeiros anos do milenio, empezaron a popularizarse as cámaras dixitais compactas -regaláronme unha cando me licenciei, ano 2004- e pouco despois diso, os móbiles con cámara e pouco despois diso, os esmarfons e así chegamos ao presente, tan listiño e adiantado el. Eu, por se acaso correse de máis [o presente], conservo as cámaras analóxicas e vounas usando ás veces. Cando veña a apocalipse e se fundan as baterías todas, a min aínda me quedarán un par de carretes 😉

Total, que todo iso das fotos, os negativos e os positivos e tal interésame de sempre. E cando descubrín os solargrafos aínda máis porque engaden outra maxia, a da astronomía. Espero poder seguir informando por aquí sobre os progresos destes e doutros “experimentos precine” cos que ando fozando, como os cuartos escuros, os titoriais astronómicos de Ramón María Aller nos anos 40 e outras cacharradas.

Enlaces

Hai bastantes sitios na rede onde falan de solargrafos e analemas, van algúns enlaces interesantes, a maiores dos que xa incluín nos créditos das imaxes.

Comentarios

2 respostas a “Experimentos precine I: Solargrafos”

  1. Avatar de Raquel
    Raquel

    Saúde e paciencia para Moitos solargrafos deses, filla
    Son ben chulos e non parece o traballo que levan
    😄💋

Deixa unha resposta

Para responder desde a túa páxina web, pega no seguinte campo a url da entrada que conteña un enlace a este artigo. A túa resposta aparecerá aquí. Máis info sobre as Webmentions