Onte estiven en Pontevedra para falar dunha das ferramentas que coñecín ultimamente e que xa podo considerar unha boa amiga (non chegamos aínda ao nivel de confianza do inspector web pero todo se andará…): a API de WordPress!
Foi durante a WordCamp Galicia, a primeira que se celebra oficialmente con ese nome de forma presencial e na que tiven a honra de participar como poñente xunta moitos expertos do mundillo WordPress. Eu fixen unha pequena demostración en directo das posibilidades que ofrece a API, desde “tuneala” con parámetros na url da petición (search, orderby, _fields, etc.) ata crear respostas e endpoints personalizados con métodos como rest_post_query, register_rest_field ou register_rest_route.
Deixo por aquí o vídeo da charla, que titulei “Exprimindo a API”, e un enlace onde se pode ver online o sitio que usei como exemplo na demo, e descargar o seu functions.php cos exemplos:
https://exprimindoapi.pilarmera.gal
Intentei condensar en 10 minutos moito do aprendido nos últimos 10 meses, así que ben podía titularse “Exprimindo a Pi” 😉
Houbo outras charlas e talleres moi interesantes, como o de Juanma Garrido sobre os métodos de autenticación das APIs, o de David Pérez sobre o testeo de plugins con phpunit, a de Rosario Aznar sobre optimización ou a de Anxo Sánchez sobre o caso real do portal cursos.gal. Canto á miña achega coa demo, estou moi contenta; houbo un par de asistentes que resolveron un par de dúbidas grazas a ela (ou iso dixeron) e outro par aos que lles meteu as ganas de empezar a fozar coa API (idem), e xa con iso doume por satisfeita. Ademais estiven en varios corrillos falando de temas candentes como o dichoso Kit Digital, a dichosa IA -sería eu a única persoa do evento que aínda nunca usou o chatGPT?-, o traballo que fan os voluntarios… ademais doutras conversas e encontros offtopic que tamén estiveron moi ben. Todo óptimo, vaia!
Moitas grazas desde aquí a todo equipo da WordCamp Galicia por convidarme organizalo todo tan ben, e polos grelos disecados da milhuolla tamén! Vémonos na próxima!


Deixa unha resposta