Algúns versos de ‘O equilibrio perdido’, o último de Fununcan

Os reis trouxeron un novo disco de Fununcan: O equilibrio perdido, nove cancións novas e bonitas que paga a pena escoitar, penso eu. Na web de Fununcan damos boa conta dos detalles.

Eu aquí vou compartir algúns dos versos que máis me gustan do disco. Escribiunos todos Juan (tamén compuxo e gravou todas as cancións), que ademais dun “tontaina natural” convencido, é un auténtico poeta – y yo le ailoviu.

Aquí caen as flores colgadas da razón
Tamén as que non florecen a tempo
Está o tempo que nunca nos demos
O tempo que xa non temos
E a vergoña do feito co tempo tamén está
Aquí está todo, e vai vir de volta

Co equilibrio perdido. Fununcan

Hai algo apocalíptico nestas cancións. Un mar de fondo, unha revancha, un aire que entra.

Vén dereito cara a nós un canto á destrución
Vén dereita cara a nós a risa tola
Bailan mortos diante nosa
Cantan corvos de ás rotas
(…)
Aí dentro hai un bosque de árbores mortas
Hai mil narcisos por florecer
Aí dentro hai un río agochado en silencio
E ti caes nel, e bótase fóra
As flores florecen, as árbores cantan
Comeza outro baile, xa todos notan como entra o aire
E sanan os tolos, e voan os corvos
Achéganse a ti cando paras de rir
Arríncanche os ollos

A risa tola. Fununcan

Chégase un final, teño medo do que vai caer
Vou primeiro, son coma ese can que ama odiar
Agora estou disposto a morderme a man
A min mesmo nunca vin caer, nunca tiven peito para mirar
Nunca tiven peito para mirar como mira o mar
Ver caer

Vai, vai vir a noite
Vai vir o silencio
Vente agochar aquí comigo
Durme, se podes durme

Vente agochar aquí comigo. Fununcan

Cos anos foise xuntando un bonito imaxinario nas letras de Fununcan: O mirar do mar, ríos que se botan fóra, monstros famentos, a luz e o fume, sendeiros, sombras, pel morta, árbores mortas, area, corvos, tolos, credos e vontades, o odio e a fe, a razón colgada, o que ensina un can, o que florece, bailar, pisarse, ir máis amodo, cadrar os pasos, cantar…

E andamos a pisarnos, e vai ser o normal
O tino que teño aprendino dun can

Andamos a pisarnos. Fununcan

Aí vén a luz
Que non se vexa o fume que me sae do corazón

Eu non sei bailar. Fununcan

Para chegar, canto?
Para poder quedar, canto?
Para volverte a ver, canto?
Canto para saír do camiño se quero,
Sen medo a non ser quen de volver?

As baleas. Fununcan

O final da canción Enchendo as feridas é un texto de Macedonio Fernández, un escritor arxentino de principios do século XX que me encanta e ao que espero homenaxear neste blog moi pronto (téñolle a entrada en borrador desde fai máis dun ano…). A letra de Fununcan adapta un fragmento do Museo de la Novela de la Eterna, unha especie de metanovela sobre metafísica, un libro curiosísimo onde Macedonio se rebela contra a Realidade cantándolle ás “fascinacións de pensamento”; Fununcan suliña que cada quen debe buscar as súas 🙂

E ti, que ansías poder, que ansías saber
Colmar a ambición, un sendeiro seguro entre as tebras do ser
Non busques nada aquí
Isto non é un sinal no ceo, unha árbore no deserto
Non é un acorde estraño, un tesouro ao descuberto
Esta non vai ser a sombra que te amarre e que te leve
Que se fixe na túa mente, e que esperte o teu instinto
Para que corras detrás dela
Esta é a miña sombra
A miña eternidade
Este é o meu misterio
Así mato a realidade

Enchendo as feridas. Fununcan

Yo no podré dar al ansioso, al joven que ansíe cierto conocimiento o cierto poder que procure alguna ambición o algún sólido rumbo de seguridad en la tiniebla del Ser, nada concreto, un signo en el cielo, un árbol en África, un acorde extraño, una piedra hallada, un perfil de sombras que llevándolo o reteniéndolo en la mente, le significara que el acto o intuición que hubo en su mente en el momento de encontrarlo debe seguirse y es el que lo conducirá al logro de aquel anhelo – pero puedo encaminarlo a pensamientos tan posibilitantes, tan insinuantes de la todoposibilidad, la eternidad, tan embriagadores de misterio, que le creen un interior tan fuerte que ninguna Realidad pueda tener sobre él el poder de dolor y de imposible, de limitación, que tiene sobre quien no ha logrado construirse fascinaciones de pensamiento que vayan siempre consigo.

Museo de la Novela de la Eterna. Macedonio Fernández

Levo as notas todas desa canción metidas dentro
E soan, cando preciso acougo soan
Se quedo sen alento, soan
Cando estou contento
Soan todo o tempo

Gualichu. Fununcan

E vou pasando encrucilladas sen prestar atención
E de súpeto nunha sinto un gran atracción
Por quedarme parado, por parar de cantar
A ver se quieto e calado, sen todo o meu ruído, isto ten máis sentido

Veñen cantando. Fununcan

E de cada vez a conta dura menos e eu xa non son quen
Eu xa non son quen, non entendo os ritmos de ninguén
Vou probar a ir un pouco máis amodo, a ver se agrado a alguén

Por que non ía poder acougar eu?
Por que non ía saber o meu corpo ir amodo?

Vente agochar aquí comigo. Fununcan

As letras de Fununcan sempre molan. Tanto as dos discos como as das versións que traducimos ao galego – por algo as escollemos :). E non o digo (só) porque algunhas as fixera eu 😉 Ando fozando coa ferramenta magicbook para recompilalas e colgalas todas xuntiñas na web en varios formatos… se dou feito, contareino por aquí tamén.

O equilibrio perdido está dispoñible na web e no Bandcamp de Fununcan.

Comentarios

Deixa unha resposta

Para responder desde a túa páxina web, pega no seguinte campo a url da entrada que conteña un enlace a este artigo. A túa resposta aparecerá aquí. Máis info sobre as Webmentions