Aí van algunhas webs e blogs que sigo por RSS.
- Fronteras. Un blog de Diego González sobre xeografía e viaxes, con aventuras en primeira persoa e moito sentido do humor. Co episodio do apretón “hecacatómbico” durante unha visita á Torre da Doncela en Bakú, da serie Crónicas Caucásicas, case mexo por min da risa, nunca mellor lido.
- Entre dragones y pingüinos, de Ángeles Broullón. Unha “programadora, entusiasta do software libre, metalera e rolera” que fala, pois, de todo iso. Aquí a súa acertada, penso eu, Opinión sobre los estratos laborales de la IA.
- La máquina de Von Neumann. Aquí tamén falan da dichosa IA, e de evolución, tecnoloxía, relixión… pero sempre desde a filosofía, a especialidade do autor, Santiago Sánchez-Migallón Jiménez. É máis ben para peritos na materia, non para diletantes coma min, pero con algo me vou quedando, son ideas suxerentes. Por exemplo, estas sete fracturas epistemolóxicas entre mente e máquina.
- HA!, as siglas de Historia da Arte. Cada día Miguel Calvo comenta e documenta unha obra de arte nova. A web é chulísima, dá gusto navegar ao chou entre obras, autores, artigos, museos, estilos, épocas… Agora acaba de saírme un dos debuxos de escaleiras de infinitas de Escher, “Relatividade” -concepto fundacional deste blog-.
- Dixit. Un blog sobre deseño e tecnoloxía de Óscar Otero, que é o devseñador de HA!. Descubrino felizmente mentres preparaba este artigo. Está en galego e fala de cousas molonas como Cousas molonas do CSS.
- Petit Palais du Vocabulaire. Outra descuberta recente: unha colección de citas, primeiros versos e principios -os que máis me molan- de obras escritas por mulleres.
- Cuentos para Algernon. Relatos de ciencia ficción traducidos ao español por Marcheto e cedidos polos autores por amor á arte. Todos os anos recompilan os mellores contos nunha antoloxía, eis a de 2025.
- iusnaufragii. Cousas vellas da Coruña, como estes folletos publicitarios da Universidade Laboral do ano 1971, cunha imaxe aérea da ría do Burgo e outra do comedor, onde na miña época faciamos algúns exames.
- Os artigos de Fernando Varela en InfoLibre, sobre medios de comunicación e política, no sentido amplo dos dous termos (redes sociais, publicidade, IA, mercados dixitais, industrias culturais, lexislación, transparencia…). Escribe con moita frecuencia e fruición.
- La loca del desván. O blog de Silvia Schettin, unha tradutora e experta en teorías culturais do gótico, o terror, o ‘weird’… cousas que nunca me engancharon especialmente; aínda así, gústame moito ler as súas reflexións sobre os libros, as series e a vida, como esta volta á irrelevancia ou o artigo sobre o satanic panic dos anos 80 e 90.
- La lectora provisoria. Fotografías de Gabriela Ventureira desde Buenos Aires. Non recordo como cheguei a este sitio, nin a onde me levou. Pero quedou no meu fío e encántame cando me salta unha destas fotos, que ademais están agrupadas co nome da estación meteorolóxica en curso, de maneira que o mes pasado comezaron as fotos do outono porteño. Así acórdome dos hemisferios 🙂
- As ‘reading lists’ de Bruce Lawson, un informático inglés especializado en accesibilidade e estándares web e que recompila enlaces interesantes, como este notición de que Alemaña obrigará a usar o formato aberto ODF -no que se basea a suite LibreOffice- en todos os documentos das administracións a partir de 2028.
- Biosbardia, “o país dos libros en galego”. Entrevistas, ensaios e reseñas sobre literatura en galego. Das listas de dez libros mensuais que fai o director da revista, César Lorenzo, sempre sae algunha idea para a seguinte visita á biblioteca.
- Canal Nostalgia, un blog de Laura Huelin, maiormente sobre libros, maiormente de ciencia ficción e fantasía. Daquí tamén teño sacado algunha boa recomendación, como a da radionovela -aka “podcast de ficción”- La firma de Dios.
- Efímera, o blog do deseñador e fotógrafo coruñés Juanjo Seijas. Ten moitos artigos (empezou en 2002 e nos primeiros anos era moi prolífico), e todos con imaxes bonitas -tanto as explícitas como as evocadas-, así que de vez en cando dou un paseo polo seu índice visual.
- Contando habas. De Marga Mediavilla, que investiga no campo da ecoloxía e o decrecemento. Aquí unha reflexión sobre o inevitable “Kaizen enerxético” que nos vén (e non foi sen tempo…): Y ahora ¿qué hacemos?
- Cassidy Williams, unha programadora de Chicago moi ocurrente. Por exemplo: durante máis de cinco anos a tía foi anotando e valorando todas as súas cagadas -cagadas auténticas, corpóreas, real shit- e despois montou este “poop map” cos datos.
E así quédame un listado escatoloxicamente simétrico 🙂

Deixa unha resposta